Cinco meses despois de que a Marvel Studios despedira ao creador de X-Men ’97, Beau DeMayo, o guionista denunciou que a Marvel non porá o seu nome nos títulos de crédito polo seu traballo na segunda tempada.
No pasado mes de marzo, xusto unha semana antes da estrea de X-Men ’97, a Marvel despediu a DeMayo, quen xa rematara de escribir dúas tempadas, pero daquela non se publicou ningunha razón para o despido.
Onte xoves, DeMayo denunciou que en xuño publicara un post no Instagram no que aparecía el mesmo sen camisa e pousando coma o mutante Cíclope, para conmemorar o Mes do Orgullo Gai. Pouco despois, a Marvel enviou-lle unha carta notificando-lle que lle retiraran os créditos da segunda tempada.
Porén a compañía ven de responder e ofreceu unha declaración aos médios, dicindo que o despido de DeMayo produciu-se despois de que unha investigación interna revelara achados “atroces“:
“O Sr. DeMayo foi despedido en marzo de 2024 após dunha investigación interna. Dada a natureza atroz dos achados, rachamos lazos con el decontado e non ten ningunha afiliación coa Marvel“.
Polo de agora non se coñecen detalles específicos dos achados, pero fontes xornalísticas apuntan a alegacións de mala conduta sexual e afirman que DeMayo violou repetidamente o seu acordo de despido, e este é o motivo polo que se lle eliminou dos títulos de crédito da segunda tempada.
X-Men ’97 foi este ano un éxito de público e crítica, que lle valeu á Marvel Studios a súa primeira puntuación perfecta do 100% na Web de Rotten Tomatoes e a DeMayo unha nominación aos Emmy. Matthew Chauncey encargará-se de escribir a terceira tempada da série.