As orixes de Pacific Rim

287

A Legendary Entertainment ven de chegar a un acordo de primeiro lance con Eric Heisserer e mais a súa parceira produtora Carmen Lewis para novos proxectos televisivos, e o primeiro deles será unha história da orixe da popular franquía de Pacific Rim. A Chronology, a compañía de produción da parella, xa chegara a un acordo semellante coa Sony Pictures hai unhas semanas.

Heisserer, que ten cretos coma guionista, produtor e realizador, é o responsábel do inesquecíbel filme Arrival de Denis Villeneuve e mais do éxito Bird Box de Susanne Bier, e foi o produtor executivo da série de fantasía da Netflix Shadow and Bone.

Os dous filmes de Pacific Rim rodados até hoxe van sobre unha fenda interdimensional que se abre no fondo do Océano Pacífico, pola que aparecen enormes monstros que atacan á humanidade. Os humáns, en resposta, crean robots xigantes, os chamados Jägers, para que loiten contra os monstros.

O primeiro filme foi dirixido por Guillermo del Toro e protagonizado por Charlie Hunnam e Idris Elba en 2013, e recadou mais de 400 millóns de dólares nos despachos de billetes de todo o mundo. Unha secuela de 2018, titulada Pacific Rim Uprising, fixo-se con 291 millóns, aínda que as críticas xa non foron tan positivas.

A Netflix pola súa banda emitiu unha série de anime en 2021, titulada Pacific Rim: The Black ao longo de dúas tempadas.