Brad Caleb Kane, un dos produtores executivos da vindeira precuela de IT, Welcome to Derry, ven de recibir o encargo de ser o showrunner doutra precuela de terror, neste caso a clásica Friday the 13th, que a Peacock e mais a A24 queren converter nunha série de televisión titulada Crystal Lake.
O proxecto ficara paralizado a princípios deste ano cando o seu creador e anterior showrunner, Bryan Fuller, abandonou a série, sen que se deran a coñecer motivos nin detalles sobre esta decisión. A A24 comezou daquela a refacer o proxecto coa ideia de “ir noutra dirección co material“, segundo se deu a coñecer naquel intre.
Durante meses non houbo mais novas, o que levou a especular que se cadra o proxecto ficara cancelado, o que agora semella descartado unha vez que Kane será o novo creador, guionista e produtor executivo, ademais de showrunner.
Os detalles do argumento continúan polo momento aínda en segredo, pero aínda se agarda que esta será unha precuela ou que polo menos narrará coma Jason se converteu no asasino do lago de Camp Crystal.
Nun comunicado, Kane dixo: “Nada definiu a miña infáncia mais que medrar na era dourada dos filmes de asasinos sanguentos, e nada define mellor o xénero ca a saga de Venres 13. Non podería estar mais emocionado pola oportunidade de contribuír a un capítulo desta emblemática franquía, particularmente con tales ousados parceiros coma a Peacock e A24“.
Victor Miller, Marc Toberoff e Robert M. Barsamian participan ademais coma produtores executivos da série.