Kalinda Vazquez (Star Trek: Discovery) e Robbie Thompson (Supernatural) serán os showrunners, guionistas e produtores executivos da nova série de televisión de Poltergeist que producirá a Amazon MGM Studios.
Esta versión da emblemática fita de terror de 1982 anunciou-se o pasado mes de outubro e será o primeiro intento que faga a Amazon para adaptar unha das franquías que mercou cando se fixo cargo da MGM.
A Amblin Television de Steven Spielberg producirá a série, con Darryl Frank e Justin Falvey de produtores executivos. O mesmo Spielberg foi un grande compoñente do éxito da película orixinal, xa que foi o co-autor do guión e mais o seu produtor.
O filme de 1982 ía sobre a família Freeling, que se muda a unha nova casa inzada de pantasmas nun bárrio das afóras. Despois de que as pantasmas secuestren á súa filla cativa, a família deberá traballar xunto a un grupo de parapsicólogos e mais unha médium para libera-la.
O filme foi un grande éxito daquela, recadando ao redor de 120 millóns de dólares nos despachos de billetes de todo o mundo a partir dun orzamento orixinal de 10 millóns. Foi continuada por dúas secuelas, que xa non acadaron o favor da crítica e do público, e mais por un relanzamento en 2015 que só recibiu moi mala prensa.
Esta será a segunda vez que se faga unha série de Poltergeist, despois de que a finais dos anos 90 se emitira Poltergeist: The Legacy na Showtime e no Sci-Fi Channel.