En 2019, Phil Lord e Christopher Miller asinaron un acordo coa Sony Pictures Television para desenvolveren séries de acción real e de debuxos animados, cun orzamento total que seica superaba os cen millóns de dólares. Mais especificamente, o dúo foi encargado de desenvolver séries baseadas nos persoaxes da Marvel Comics sobre os que a Sony posúe os dereitos.
O primeiro proxecto foi Silk: Spider Society, do que Lord e Miller ían ser os produtores executivos xunto a Amy Pascal e Angela Kang. Porén, esta idea foi desbotada pola Amazon o pasado mes de maio e nestes intres está morta.
E o segundo é o moitas veces anunciado programa televisivo Spider-Noir, unha série de acción real protagonizada por Nicolas Cage no papel de Spider-Man Noir, un persoaxe ao que xa lle prestou a voz na película de debuxos animados de 2018 Spider-Man: Into the Spider-Verse. No elenco inclúen-se ademais a Lamorne Morris, Brendan Gleeson, Li Jun Li e Abraham Popoola.
Agora ven de e saber que Lord e Miller por unha banda e a Sony Pictures Television pola outra están a ter fortes discrepáncias sobre o orzamento da série. A Sony de feito non ten previsto renovar o contrato de cinco anos coa parella de directores, despois de que este venza a finais deste ano 2024.
Spider-Noir mentres tanto continúa en produción. Segundo o anúncio oficial, a série “contará a história dun detective privado (Cage) envellecido e vido a menos no New York dos anos 30, que se ve obrigado a se enfrontar á súa vida pasada coma o único superheroe da cidade“.
Harry Bradbeer dirixirá os dous primeiros episódios, e será o produtor executivo xunto a Lord, Miller e Pascal. A estrea producirá-se primeiro no servizo de streaming MGM+ só para os Estados Unidos, e logo pasará á Amazon Prime Video en todo o mundo. Con todo, polo de agora non se sabe en que data.