A franquía de aventuras fantásticas The Librarians regresará á súa casa, a canle TNT, na súa versión mais nova, a secuela The Librarians: The Next Chapter, despois de ser retirada pola The CW a semana pasada da súa programación para outono de 2025. Após da retirada, a TNT adquiriu decontado a série á produtora, a Electric Entertainment.
The Librarian foi ao seu comezo unha série de tres telefilmes de aventuras da Turner Network Television (TNT) protagonizados por Noah Wyle no papel do Bibliotecário, quen está encargado de protexer unha colección secreta de artefactos máxicos. Os filmes foron The Librarian: Quest for the Spear (2004), The Librarian: Return to King Solomon’s Mines e The Librarian: Curse of the Judas Chalice (2008).
Baseada nesta série de telefilmes, emitiu-se entre 2014 e 2018 unha série spin-off, The Librarians, protagonizada por Rebecca Romijn, Christian Kane, Lindy Booth, John Kim e John Larroquette. En total produciron-se 42 episódios, que recibiron boas críticas, polo que após das folgas e da pandémia, en maio do ano pasado a The CW anunciou que quería facer unha secuela, The Librarians: The Next Chapter, a estrear en 2025. Porén, a semana pasada retiraron o programa da súa grella, substituíndo-o por un programa de telerrealidade, e agora, a TNT ven de recuperar os dereitos de emisión.
Brad Schwartz, Presidente de Entretimento da The CW dixo: “Estamos encantados de que a canle orixinal da série, a TNT, a ame tanto coma nós e vira un grande valor en leva-la á súa audiéncia. É unha primícia para a CW Studios e non podemos esperar a que os fans experimenten este incríbel novo capítulo”.
A nova série terá coma protagonista a un Bibliotecário do pasado que viaxou no tempo até o presente e agora atópa-se atrapado aquí despois de que, sen querer, ceibara máxia por todo o continente. Para axuda-lo a arranxar a desfeita, se lle asigna unha nova equipa: Callum McGowan, Jessica Green, Olivia Morris, Bluey Robinson, Caroline Loncq e mais Christian Kane compoñen o elenco da secuela.