Bryan Singer quere dirixir ao novo Superman

0
190

Superman ReturnsSuperman volverá a voar na pantalla grande da man de Bryan Singer. O cineasta neoiorquino intentará colleitar o éxito que non acadou con Superman Returns cunha secuela que levará por título Superman: Man of Steel. Singer retoma así un proxecto que moitos puñan en dúbida que fora a se facer realidade, sobre todo despois de que Superman Returns non funcionara nas billeteiras todo o ben que agardaban os directivos da Warner Bros.

Recadamos máis de 400 millóns de dólares!“, exclamou un alporizado Singer ao ser preguntado sobre ese presunto fracaso nas billeteiras nunha entrevista á prensa. “Non sei o que se entende hoxe en día por ter un resultado por baixo das expectativas“, insistiu Singer, que ademáis respondeu ás críticas contra o seu Superman asegurando que o superheroe estrela da DC Comics é un persoaxe “máis complexo” que, por exemplo, os X-Men e “moito máis no seu regreso“.

Metido xa de cheo nas labouras de preprodución da vindeira película de Superman após do parón da folga de guionistas, Singer, que afirma que vai coescribir e ten “intención” de volver a dirixir, si recoñece que Superman Returns puido decepcionar un pouco aos fans do superheroe ao ser “unha fita romántica e nostálxica“. Para contrarresta-lo, o cineasta promete moita máis acción na secuela.

Agora que os persoaxes están establecidos, hai oportunidade de aumentar o nivel das ameazas. Haberá moitos asasinatos dende a primeira escena. O terror será implacábel e a todas esas raparigas que van ao cinema a ver a James Marsden ou a Brandon Routh… vounas espertar!“, asegura entre risos. Pero antes de intentar sacar esa espiña cravada que seica ten con Superman, Singer estreará Valkyrie, un thriller ambientado na Segunda Guerra Mundial sobre unha conspiración contra Hitler protagonizado por Tom Cruise, que verá a luz nos cinemas galegos no vindeiro mes de outubro.