Next premonition e Primeval en Cuatro

0
175

David NolandeA canle xeralista Cuatro ven de se facer cos dereitos de emisión en España de duas das producións europeas fantásticas mais aclamadas dos últimos anos, a francesa Next Premonition (David Nolande) e da inglesa Primeval, producida pola ITV. Ambas chegarán a Cuatro nos vindeiros meses.

Next Premonition, estreada no pasado setembro en Franza (France 2) e Bélxica (Une-a), xa se converteu nun grande éxito de audiéncia: só na sua estrea atinxiu os 8,18 millóns de espectadores, cun 30,9% de share, e no segundo episódio logrou 7,06 millóns de seguidores e un 29,6% de cota de pantalla.

A série, que deu un xiro na panorama televisivo francés, até daquela pouco acostumado ao fantástico, está protagonizada polos actores galos Frédéric Diefenthal e Elsa Kikoïne e dirixido por Nicolas Cuche. Está centrada en David Nolande, un xoven executivo, casado e cunha filla pequena. Unha tarde, tras celebrar o éxito dunha campaña publicitária, sofre un acidente e provoca a morte dunha adiviña. Como consecuéncia, cae unha maldición sobre el: quitou unha vida e terá que salvar outras para evitar que os membros da sua família sofran un drama terríbel.

Primeval fixo que a emisora inglesa ITV rachara moldes cunha minisérie na que se entremisturan a fantasía e mais o documental. Producida por Tim Hains, responsábel da saga Camiñando con… e de Deep Ocean, Primeval acadou na súa estrea 6,90 millóns de espectadores e un 28,9% de share e situou-se con ampla marxe por riba da média na franxa da cadea durante 2006.

A série vai sobre o zoólogo Nick Cutter, quen descobre que se produciron buracos na barreira do tempo, permitindo que unhas criaturas provintes da prehistória deambulen polo mundo actual. Cutter e a súa equipa loitan para manter o iminente desastre en segredo mentres loitan cos salvaxes dinosáuros e outros mortais inimigos.