John Cena protagonizará Matchbox

71

A Mattel ven de se facer cos servizos da estrela de Peacemaker John Cena como protagonista da adaptación cinematográfica para acción real da liña de coches de xoguete en miniatura Matchbox.

O director de Extraction, Sam Hargrave, dirixirá un filme que xira ao redor das populares miniaturas creadas polo experto en automoción Jack Odell en 1953, quen creou o xoguete para resolver un problema da súa filla: só podía levar un xoguete á escola se era abondo pequeno para entrar nunha caixa de mistos. E así naceu a marca Matchbox, que continúa hoxe en día presente en todo o mundo mais de 70 anos despois.

O guionista de Prey, David Coggeshall, formará equipa co creador da serie Banshee Jonathan Tropper para escribir o guión do proxecto, que conta asemade coa produción da Apple Original Films e a Skydance.

David Ellison, Dana Goldberg, Don Granger e mais Robbie Brenner serán os produtores.

Cena, que xa colaborou coa Mattel Films nun cameo coma o sereo Ken na película Barbie, traballa actualmente na segunda tempada de Peacemaker, cuxa rodaxe concluirá en breve antes da súa estrea en 2025.