Non só os superheroes dos cómics teñen dereito a un universo cinemático de seu, agora os heroes da relixión tamén piden paso.
O creador da série de propaganda cristiá The Chosen, Dallas Jenkins, ven de revelar que está a traballar en vários proxectos televisivos que farán que a súa série sexa tan só o comezo de todo un novo universo cinematográfico.
Na súa aparición perante os fans na ChosenCon, celebrada onte venres en Orlando (Florida), Jenkins anunciou vários proxectos novos ambientados no mesmo mundo cá série, incluídos spinoffs de séries de debuxos animados e outros sen guión, e mais unha série de tres tempadas que contará as vidas dos míticos heroes xudeocristiáns Moisés e Xosé.
The Chosen Adventures será unha série de debuxos animados de catorce episódios que terá coma protagonista á nena Abby, de 9 anos, na vila galilea de Cafarnaún, ao redor do ano 30 da nosa era. Abby ten unha chea de preguntas, e ela e mais o seu amigo Xosuá coñecerán a Xesús, quen por suposto responderá a todas elas. Paul Walter Hauser, Yvonne Orji e Jordin Sparks porán-lle as voces aos persoaxes, mentres que moitos dos actores de The Chosen tamén retomarán os seus papeis para os debuxos.
The Chosen In the Wild with Bear Grylls será unha série de seis episódios de aventuras sen guión. En cada episódio, o famoso propagandista cristián inglés adéntra-se na natureza cun membro do elenco mentres conta as súas histórias persoais e profundiza nas súas perspectivas sobre a fe.
Tamén está de camiño unha série de tres tempadas que contará a mítica história de Moisés, unha série limitada sobre a vida de Xosé e mais unha nova série spin-off de The Chosen, baseada desta volta nas lendas dos apóstolos de Xesús. Os estudos 5&2 de Jenkins producirán todos os proxectos.
A quinta tempada da série principal chegará en 2025, coma sempre baseado nos mitos cristiáns sobre a vida de Xesús, a quen dá vida o actor Jonathan Roumie.