James Wan producirá a série de Robocop

155

En abril do ano pasado anunciou-se que a Amazon Studios estaba a desenvolver películas e séries de televisión baseadas nas franquías mais clásicas da biblioteca da MGM.

Entre elas había novas versións de Stargate e Robocop, e para esta segunda o proxecto era achegar unha série para as pequenas pantallas. Agora por fin, un ano e médio mais tarde, chegan mais novas.

O director de Aquaman e The Conjuring, James Wan, ven de se incorporar ao proxecto coma produtor executivo xunto á súa compañía, a Atomic Monster. Ademais, Peter Ocko une-se tamén coma guionista e director. Ambos traballarán cos productores executivos Michael Clear e Rob Hackett na série, que xa está a tomar forma internamente na Amazon MGM Studios.

O plan seica contará unha vez mais a história de Omni, o xigantesco conglomerado tecnolóxico nun futuro próximo pero distópico, que colabora co departamento de policía local para introducir un executor tecnolóxicamente avanzado para combater o aumento da delincuéncia, e que crea un oficial de policía que é parte home, parte máquina, e mais ao infame robot ED-209.

Paul Verhoeven dirixiu o filme orixinal en 1987, que se converteu nunha das mais emblemáticas películas de acción e ciéncia-ficción dos anos 80, facendo unha sátira do capitalismo americano, presentando momentos de violencia extrema e creando frases que se fixeron famosas, coma a aterradora “Ten vinte segundos para obedecer“.

Robocop inspirou logo dúas secuelas, un reinício en 2014 e várias series de televisión, dirixidas aos nenos.