A criatura da lagoa ficha guionista

44

O coprodutor executivo de Mayans M.C. Sean Tretta ven de recibir o encargo de escribir o remake de Creature From the Black Lagoon que están a preparar na Atomic Monster e a Universal Pictures.

O guión baseará-se nun tratamento escrito por James Wan, Rafael Jordan e Bryan Coyne. O mesmo Wan atopa-se nas primeiras conversas para dirixir esta versión “modernizada” que terá un toque de terror mais visceral, sen deixar de render homenaxe.

John Landis, John Carpenter, Ivan Reitman, Guillermo del Toro, Breck Eisner e Carl Erik Rinsch estiveron vencellados aos intentos de refacer a película ao longo dos últimos anos.

O filme orixinal de 1954 narra a história dunha expedición científica ao Amazonas que descubre a masacre dunha expedición anterior a mans do que seica é un humanoide anfíbio. Julie Adams e Richard Carlson foron os protagonistas dunha película rodada en 3D e que continúa a ter sona polas súas secuéncias submariñas e mais o emblemático deseño da criatura, que a colocou no Salón da Fama dos monstros da Universal xunto a Frankenstein, Drácula, o Lobishome e mais a Múmia.

Se Wan dirixe, seguirá os pasos do seu antigo colaborador en Saw e Insidious, Leigh Whannell, que xa se enfrontou á reinvención dun monstro clásico da Universal con The Invisible Man e volverá face-lo a princípios do ano que ven con The Wolf Man.