O co-xefe da DC Studios James Gunn ven de anunciar o comezo da produción de Dynamic Duo, un novo filme de debuxos animados que contará os primeiros días de Dick Grayson e Jason Todd, os Robins, que neste filme son ladróns orfos que se fan chamar o Dúo Dinámico. Este é o primeiro proxecto conxunto da DC Studios e a Warner Bros Pictures Animation, cun guión de Matthew Aldrich.
Un novo estudo de animación de New Orleans, a Swaybox, e mais os seus creadores Arthur Mintz e Theresa Andersson, marido e muller, encargan-se da animación. Mintz, o guionista da mini-série da Netflix gañadora dun Emmy Lost Ollie, fará-se cargo da dirección.
A Swaybox utiliza unha tecnoloxía coñecida coma “animación Momo”, que ven sendo un cruce entre animación con gráficos xerados por computadora, elementos prácticos de stop-motion e actuación en tempo real. O resultado é unha “narración de longa duración visualmente impresionante, dinamicamente expresiva e mais humana”. Gunn, Peter Safran, Andersson e Matt Reeves serán os produtores.
Reeves dixo nun comunicado: “Levo moitos anos querendo facer unha película con Arthur e a Swaybox, e que esa película sexa Dynamic Duo, unha história incribelmente especial e única de Batman e Robin para todas as famílias, é un soño“.
A película non estará conectada co universo da franquía de “The Batman” de Reeves.