Un paseo entre flores cantantes e figuras de xadrez no País das Marabillas da man de Alícia e unha visita aos continentes más extravagantes enchidos de criaturas xigantes e ananos darán-se cita mañán venres no Centro Cultural Caixanova (20:30 horas) da man do Teatro Negro Nacional de Praga, en xira dende hai un ano polos países latinos.
Luces, efectos multivisuais, música, baile, mimo, trucos de máxia e actores que voan permitirá que tanto nenos coma maiores se acheguen aos clásicos Alícia no País das Marabillas e As viaxes de Gulliver, mália que “non é un espectáculo só para nenos, senon que os maiores tamén poden mergullar-se nesta representación tan coidada“, afirma a rusa Carmen Vlada, coordinadora técnica do espectáculo.
Após de participar en 12 festivais internacionais e realizar xiras por 24 países de Europa, o Teatro Negro Nacional de Praga chega a Vigo, unha cidade na que o público “é moi receptivo e emocional” e no que os nenos “son os más agradecidos“, recoñece Vlada.
Mediante o arte da máxia e o ilusionismo do teatro negro, os obxectos aparecen e desaparecen pero “ninguén sabe o truco”, bromea a coordinadora técnica do espectáculo.
O espectáculo está dirixido por Pavel Marek e Emma Srncová, os propulsores do teatro nacido na Revolución do Veludo.