Despois de recibir moi boas críticas polo seu thriller Rebel Ridge, Aaron Pierre regresará á DC facendo un dos dous papeis principais da série Lanterns na HBO. O actor inglés non é un recén chegado ao universo DC, onde xa tivo unha aparición a salientar coma Dev-Em na série Krypton (2018–2019).
Desta volta, e despois de bater nun derradeiro proceso de cásting ao canadiano Stephan James, Pierre será o Lanterna John Stewart, unindo-se deste xeito a Kyle Chandler, o outro Lanterna Verde protagonista, Hal Jordan.
Stewart foi un dos primeiros superheroes negros da DC e o persoaxe atraiu moitos fans grazas ás súas aparicións nas séries de debuxos animados Justice League e Justice League Unlimited, emitidas a comezos dos anos 2000.
A série con actores reais terá segundo fontes da produción un aire a True Detective, co lendário Hal Jordan convertendo-se no mentor de Stewart, un Lanterna Verde mais novo. Os dous policías intergalácticos ven-se envoltos nun escuro mistério terrestre mentres pescudan un asasinato no corazón dos Estados Unidos.
Esta é a primeira grande aposta para a televisión da parella responsábel da DC Studios, James Gunn e Peter Safran, que se fixeron cargo do posto de co-presidentes o ano pasado. Safran dixo que o mistério que investigan Jordan e Stewart na série conducirá os feitos até a liña principal da história do novo universo DC.
James Hawes (Black Mirror, Raised by Wolves) dirixirá os dos primeros episodios dunha quenda de oito. Chris Mundy, Damon Lindelof e mais o guionista de cómics gañador dun prémio Eisner Tom King son os produtores executivos e guionistas, mentres que Mundy será a showrunner.
A rodaxe ten previsto comezar en Atlanta (Georgia) en xaneiro do ano que ven e durará até xuño.