A Caza de Gollum é só un filme

72

A primeiros do ano pasado deran-se a coñecer as novas de que a Warner Bros. Pictures e a New Line ían desenvolver mais filmes con acción real baseados na franquía do Señor dos Aneis, e uns meses despois, en maio de 2023, soubo-se que a primeira desas películas sería The Hunt for Gollum, coa ideia de po-la nas pantallas en 2026.

O mes pasado, Ian McKellen dixera nunha entrevista que coidaba que ían ser dous filmes, pero estas especulacións seica non foron acertadas, porque a produtora Philippa Boyens ven de confirmar que The Hunt for Gollum será só ún. A novidade é que xa está en desenvolvemento outra película que narrará outra história diferente da franquía:

Podo-vos dicir definitivamente que non son dous filmes! Foi un verdadeiro malentendido que aconteceu porque comezamos a traballar, conceptualmente, en dous filmes de acción en vivo diferentes. O primeiro é The Hunt For Gollum, o segundo aínda non foi confirmado. Estamos a xogar cunha série de ideias, pero a maioría delas inclúe a Gandalf. Así que Gandalf podería regresar para dous filmes de acción“.

Agarda-se que The Hunt for Gollum estea situado durante os eventos de The Lord of the Rings: The Fellowship of the Ring no tempo que vai entre a festa de aniversário de Bilbo e antes de que a Irmandade do Anel entre nas minas de Mória.

Boyens engadiu: “É unha história bastante intensa… é un anaco específico dunha incríbel história non contada, contada a través da perspectiva desta incríbel criatura“.

The Lord of the Rings: The Hunt for Gollum estreará-se en 2026, pero antes diso chegará ás pantallas The Lord of the Rings: The War of the Rohirrim, o 13 de decembro, en debuxos animados ao estilo anime.