A Prime Video está a dar os primeiros pasos para o desenvolvemento dunha nova série de televisión baseada en Carrie, a clásica novela de terror de Stephen King, e que contará co habitual adaptador de King á fronte, Mike Flanagan, para escribir, ser o produtor executivo e mais o showrunner. Trevor Macy tamén exerce de produtor executivo.
A Amazon MGM Studios está atrás da nova versión, que califican coma “audaz e oportuna reinvención da história da inadaptada estudante de instituto Carrie White“.
Na série, Carrie pasou a súa vida recluída coa súa dominante nai. Após da repentina e prematura morte de seu pai, Carrie enfronta-se á estraña paisaxe do instituto público. Asemade un escándalo de acoso escolar destroza a súa comunidade e ela debe encarar a aparición duns misteriosos poderes telequinéticos.
O proxecto supón a primeira série de televisión baixo o acordo que asinaron Flanagan e a Amazon despois do seu exitoso paso pola Netflix, onde dirixiu The Haunting of Hill House, The Haunting of Bly Manor, Midnight Mass, The Midnight Club e The Fall of the House of Usher.
Flanagan é tamén o responsábel de tres adaptacións de novelas de King para o cinema: Doctor Sleep, Gerald’s Game e mais a vindeira The Life of Chuck. Esta nova suxire polo tanto que a súa longamenta xestada adaptación da franquía fantástica da Torre Escura terá que seguir agardando.
Carrie foi xa adaptada ás pantallas en várias ocasións, a última das cales se remonta a 2013 con Chloë Grace Moretz de protagonista, pero a versión de mais sona continúa a ser a clásica de 1976 dirixida por Brian DePalma.