Despois das novas negativas de hai un par de días, a adaptación para a televisión da aclamada franquía de videoxogos da PlayStation God of War ven de recibir unha salientábel mellora.
O veterano guionista e produtor de televisión Ronald D. Moore, gañador do prémio Peabody e recoñecido entre os fans coma creador e showrunner de Battlestar Galactica, será o guionista, produtor executivo e showrunner da série.
Moore empezou escribindo algúns dos episódios mais aclamados de Star Trek: The Next Generation antes de se converter nun dos principais guionistas e produtores de Star Trek: Deep Space Nine a partir da súa terceira tempada.
Mais recentemente, creou e foi o showrunner da série Outlander en 2014 e logo creou a série For All Mankind na canle exclusiva da megacorporación Apple.
Moore estivera vencellado á Disney até hai pouco, cando regresou á Sony Pictures TV Studios nun novo acordo global de vários años, o que fai facíbel este novo proxecto, no que ven substituír ao produtor de The Wheel of Time Rafe Judkins e aos guionistas de Iron Man Hawk Ostby e Mark Fergus, que levaban mais de dous anos a traballar en God of War.
Judkins completara xa vários guións, pero coa chegada de Moore, o proxecto parte unha vez mais de cero cunha nova dirección creativa.
Os xogos orixinais van sobre un antigo guerreiro espartano, Kratos, que inícia unha perigosa viaxe para se vingar dos deuses gregos. O plan até agora era adaptar o reinício da franquía de 2018, pero agora os plans poderían mudar.