Outlast convérte-se en película

127

A Lionsgate e mais a compañía de videoxogos canadiana Red Barrels veñen de anunciar un acordo polo que levarán á pantalla grande a série de xogos de terror Outlast.

O cineasta J.T. Petty, quen estivo moi vencellado á história e desenvolvemento destes xogos, traballará no guión da película, mentres que o famoso produtor de terror Roy Lee levará a cabo a adaptación ao cinema.

Lanzado en 2013, o videoxogo é un survival de terror deseñado para un só xogador, un xornalista de investigación freelance chamado Miles Upshur, quen decide pescudar o remoto Asilo Mount Massive, un hospital psiquiátrico situado no mais profundo das montañas de Lake County, Colorado.

Unha vez dentro, descubre que o lugar non está tan abandoado, senon que foi invadido por pacientes homicidas. O xogo desenvólve-se en primeira persoa e conta cunha mecánica de sixilo na que os xogadores teñen que agochar-se, escapulir-se ou mesmo fuxir dos seus perseguidores.

Como o hospital non está iluminado, a única forma que ten o xogador de ver na escuridade é a través da lente dunha videocámara equipada con visión nocturna, que vai esgotando as pilas pouco a pouco e obriga a atopar outras entre os cascallos.

Outlast recibiu boas críticas e atraíu a uns 37 millóns de xogadores en todo o mundo ao longo das súas tres entregas: Outlast 2 e The Outlast Trials. Unha cuarta parte foi anunciada en 2017, pero polo de agora aínda continúa en produción.