A Warner planea levar os Tronos para o cinema

67

A Warner Bros. Pictures leva algún tempo a desenvolver en segredo polo menos unha película ambientada no épico universo fantástico de George R.R. Martin Game of Thrones.

Seica o proxecto atopa-se nunha fase moi ceda do desenvolvemento, polo que aínda non hai ningún nome vencellado ao mesmo: nin director, nin guionista, nin actores. Porén, a Warners quere levar unha história de Westeros aos cinemas.

Isto suporía un cámbio con respecto á época na que se emitía a série Game of Thrones na tele. Antes da pandémia e da compra da Warners pola Discovery, a HBO resistiu-se firmemente á ideia de levar á súa série ao cinema, xa que quería preservar o estatus de televisión de prestíxio da mesma.

Con todo, moito mudou dende aquela. Os longos atrasos na publicación do seguinte libro e a mala acollida da derradeira tempada entre os fans restaron brillo á franquía, un brillo que o spin-off House of the Dragon xa non puido recuperar.

Arestora están a se levar a cabo múltiples intentos de novos spin-offs na pequena pantalla e, aínda que a saga continúa a atraer moitos fans, xa non é a pita dos óvos de ouro que foi no seu día.

Do mesmo xeito, o cámbio de réxime executivo na HBO e na Warners deu lugar a unha maior disposición das propiedades a chimpar entre o cinema e a televisión, como se puido aprezar coa emisión actual de The Penguin e a partir do mes que ven, de Dune: Prophecy.

Unha posibilidade que podería resultar atractiva sería unha película ambientada despois dos acontecementos do remate da série da HBO, porque a série House of the Dragon e mais os outros proxectos son todos precuelas.