Mickle dirixirá aos Gundam

80

Jim Mickle, showrunner da série da Netflix Sweet Tooth, escribirá e dirixirá a adaptación para acción ao vivo da emblemática franquía xaponesa de anime e xoguetes Gundam para a Legendary e a Bandai Namco Filmworks.

Esta franquía de sona internacional, unha das pedras angulares do anime, abrangue un total de 83 séries de debuxos animados e películas, mentres que os seus xoguetes xeran mais de 600 millóns de dólares cada ano.

Esta será a súa primeira adaptación para unha longametraxe de acción ao vivo e a súa produción está prevista para comezos de 2025. Mickle tamén producirá xunto á súa parceira Linda Moran a través da súa compañía, a Nightshade.

Tanto a Netflix como o director de Kong: Skull Island, Jordan Vogt-Roberts, participaron nunha versión anterior do proxecto, pero arestora ningún deles está vencellado.

Creada por Yoshiyuki Tomino, Gundam é pioneira no xénero mecha. A série orixinal comezou en 1979 e está ambientada no Século Universal, unha época na que a xente emigrou a colónias espaciais por mor do aumento da povoación na Terra. Os que viven nas colónias queren ser independentes e lanzan unha guerra con batallas nas que pilotan robots coñecidos coma “traxes móbiles”.

Entre as anteriores películas dirixidas por Mickle figuran Stake Land, We Are What We Are e In the Shadow of the Moon.