O espantallos

109

Disque ata un macaco pode escribir a obra enteira do autor máis laureado da historia se se lle dá tempo abondo. E sen errar unha soa coma! Isto escoiteillo a un pastor que se apoiou na miña estaca e que tiña aspiracións literarias. Había que velo, aí tombado escribindo historias fantásticas mentres os pementos medraban.

Ás veces, sen que el se dese conta, xiraba a miña cabeza de espantallo e vía de esguello os simboliños no papel. O resto do tempo, pasábao a observar animais salvaxes e o cambio das estacións. Creo que a palabra humana axeitada é meditar. Eu meditaba na miña vida chantado no chan. Un día comecei a notar que podía facer algún movemento se facía esforzos enormes que me deixaban exhausto. É dicir, nunha ocasión puiden meter a man no peto. Outro día ata conseguín rascar as costas despois de que un mosquito me picase.

Cando o pastor voltaba e me vía noutra posición dicía en alto que os rapaces deberan andar por alí facendo trasnadas. Entón, pacientemente, recolocábame os brazos ou a testa e dicía satisfeito que xa estaba para outra.

O meu traballo facíao bastante mal, a dicir verdade, pois algúns corvos viñan pousarse sobre min. Eran uns grandes corvos negros que so sabían insultar todo o tempo e comían o que había na pequena horta a meu carón. Cando o home viña ver como ía a terreo, vía algunha desfeita das aves e levaba un dedo ó queixo.

É así que chantou outro espantallo. O novo membro da horta estaba mellor vestido ca min. Mira como son as cousas, que as aparencias son atractivas. Os corvos deixaron de vir pousarse en min e foron en maior número xunto del. Ó principio amoloume que o recén chegado acaparase a atención, mais unhas semanas despois notei que el estaba cheo de excrementos. Sen dúbida, a riqueza e as aparencias non che son de fiar.

Aquela noite traballei arreo para executar un corte de manga. Ó día seguinte, o pastor quitou o novo espantallos e deitouse xunto a min sen mudarme de postura. Quizais entendeu.