Milla Jovovich despide aos zombis

77

Milla Jovovich protagonizará Twilight of the Dead, a nova película do director de The Machinist Brad Anderson, na que será a sétima e derradeira entrega da emblemática franquía dos mortos viventes de George A. Romero.

Os herdeiros de Romero e mais a compañía de financiamento Roundtable uniron-se neste proxecto, baseado nun tratamento que Romero escribira antes de morrer en 2017. Joe Knetter, Paolo Zelati e Robert Lucas escribiron o guión.

Ambientada nunha illa tropical, a longametraxe afundará na escura natureza da humanidade dende a perspectiva dos derradeiros humanos da Terra, que se ven atrapados entre faccións de mortos viventes.

Este será o regreso ao xénero de zombis de Jovovich, quen durante moitos anos foi o rostro mais popular entre os fans, grazas á súa aparición nas seis películas de Resident Evil.

Anderson definiu o filme coma unha história de xénero tan emotiva coma intensa, inspirada en obras coma I Am Legend, The Last of Us e The road.

O veterano deseñador de efectos de maquillaxe Greg Nicotero e mais a súa empresa, a KNB EFX Group, crearán e dirixirán os efectos de maquillaxe. A rodaxe ten previsto comezar en marzo e a Fortitude International presentará o proxecto no decurso do American Film Market que comeza esta semana en Las Vegas.

Twilight of the Dead marcará a despedida oficial desta franquía despois de seis filmes principais (Night of the Living Dead de 1968, Dawn of the Dead de 1978, Day of the Dead de 1985, Land of the Dead de 2005, Diary of the Dead de 2007 e Survival of the Dead de 2009) así coma dunha chea de spinoffs e remakes.