A Toho anúncia mais de Godzilla

79

Xa é oficial: despois do récord mundial nos despachos de billetes e mais o éxito nos Oscar de Godzilla Minus One do ano pasado, a Toho ven de lle dar a luz verde a unha nova película da franquía.

Takashi Yamazaki, guionista, director e supervisor de efectos visuais de Godzilla Minus One, volverá a se sentar na cadeira de director para a nova entrega. Polo de agora aínda non se anunciaron mais detalles.

O anúncio en todo caso ven coincidir coa reestrea nos cinemas americanos de Godzilla Minus One para celebrar o día de Godzilla o pasado 3 de novembro, o día no que se estreou a película orixinal en Xapón en 1954.

O filme de 2023 Godzilla Minus One recadou 115 millóns de dólares en todo o mundo, dos que 56,4 millóns procederon do mercado americano, o que converte ao filme na terceira película en língua non inglesa de mais éxito nos despachos de billetes da história dos Estados Unidos.

E se se ten en conta que o seu orzamento foi de tan só 15 millóns de dólares, o logro é aínda mais abraiante. A película obtivo o Oscar aos Mellores Efectos Visuais e foi a primeira vez que unha longametraxe da franquía de Godzilla era nominada.