Hogwarts Legacy coordinará-se coa série

78

A WB Games ven de confirmar que Hogwarts Legacy 2 está actualmente en desenvolvemento e que a equipa responsábel da primeira parte, lanzada en 2023, coordinará algúns dos seus argumentos coa próxima série de televisión da HBO Harry Potter.

O presidente da WB Games, David Haddad, declarou que a secuela do xogo é unha “grande prioridade” para a compañía e confirmou que a série de televisión incorporará-se ao novo xogo, aínda que se descoñecen os detalles da conexión.

Hogwarts Legacy é un xogo de rol e acción que desenvolveu a Avalanche Software e publicou a Warner Bros. Games. O seu argumento ten lugar un século antes das novelas de Harry Potter, mentres que se agarda que a nova série de televisión estea ambientada nos anos 90, así que haberá que te-lo en conta.

O éxito do primeiro xogo, que vendeu mais de 30 millóns de cópias até a data, non só deu prioridade ao desenvolvemento da secuela, senón que tamén aumentou a presión do estudo por fornecer mais contidos de Harry Potter.

Polo de agora, a polémica creadora da série, J.K. Rowling, non está vencellada na xestión da franquía en xeral, pero os executivos da Warner manteñen-a informada a través do seu axente literário.

Con todo, os fans do xogo amosaron-se desacougados polos comentários do executivo da Warner Bros Discovery JB Perrette a comezos do ano nunha conferéncia de tecnoloxía nos que semellaba implicar que a Warner quería facer da secuela un xogo de servizo ao vivo en lugar do xogo para un só xogador que foi o primeiro.