O produtor e guionista Simon Kinberg ven de chegar a un amplo acordo coa Lucasfilm para escribir e producir unha nova triloxía de películas da saga de Star Wars.
Kinberg escribirá os guións e encabezará o lanzamento da nova saga coa esperanza de que esta ofreza un “novo camiño a seguir” para a emblemática série de ciéncia-ficción e fantasía. Kathleen Kennedy, a xefa da Lucasfilm, tamén producirá.
A salientar que esta non será unha continuación da saga dos Skywalker e, polo tanto, non serán os Episódios 10-12 en si. No seu lugar, haberá novos persoaxes e unha nova história que non ten plans de continuar alén do episódio 12, aínda que polo de agora non se descarta o regreso coma convidado dalgún persoaxe antigo.
Kinberg co-creou a série de debuxos animados Star Wars: Rebels xunto a Dave Filoni e Carrie Beck e tamén foi consultor en Star Wars: The Force Awakens de 2015, pero a súa sona entre os fans debe-se ás películas de X-Men e ás dúas primeiras de Deadpool. Actualmente está a axudar no desenvolvemento de Star Trek na Paramount.
Rian Johnson, David Benioff e D.B. Weiss asinaran acordos en anos pasados para desenvolveren novas triloxías de Star Wars, pero os seus proxectos non saíron adiante.