Os actores canadianos Finn Wolfhard (Stranger Things) e Billy Bryk (Ghostbusters: Afterlife) veñen de fichar pola Sony Pictures para escribiren o guión dunha nova versión da comédia de terror de 1999 Idle Hands.
A parella tamén podería ademais dirixir a película, despois de acadar o éxito en vários festivais coa comédia de terror Hell of a Summer, que a distribuidora NEON adquiriu en agosto e estreará no verán de 2025. Jason Reitman, Gil Kenan, Jennifer Todd e Suzanne Todd serán os produtores.
Nun comunicado, Reitman afirmou: “Finn e Billy fixeron un xenial debut coma directores e teñen unha visión completamente orixinal de Idle Hands que captura a unha xeración desafectada“.
A longametraxe orixinal de 1999 estaba protagonizada por Devon Sawa no papel dun adolescente porreiro e lerchán cuxa man fica posuída con intencións asasinas e desata unha matanza. Jessica Alba, Seth Green, Elden Henson e Vivica A. Fox compuxeron o resto do elenco do filme.
A película foi criticada na súa estrea e converteu-se nunha bomba nos despachos de billetes, recadando só 4,2 millóns de dólares a partir dun orzamento inicial de 25 millóns. Parte do problema foi que a estrea foi o mesmo mes que a masacre do instituto Columbine, o que provocou que non se proxectara en moitas salas de cinema.