A Warner Bros. Pictures ven de pechar un acordo para realizar o remake do clásico da ciéncia-ficción de 1956 Forbidden Planet.
O filme orixinal era unha versión en ciéncia-ficción de The Tempest de William Shakespeare e narra a história dunha expedición do século XXIII enviada dende a Terra para comprobar o estado dunha colónia científica no afastado planeta Altair IV.
Alí só descobren dous superviventes: un home que atopou unha tecnoloxía alieníxena que duplica o seu intelecto, o doutor Edward Morbius, e mais a súa filla. Ambos lograron sobrevivir aos ataques dun monstro invisíbel que rolda pola superfície.
Cando a criatura empeza a matar a membros da tripulación, o capitán da nave apura para resolver o mistério, que está relacionado cunha relíquia dunha raza desaparecida hai moito tempo.
Walter Pidgeon, Anne Francis e Leslie Nielsen protagonizaron o filme, pioneiro en vários aspectos do cinema de ciéncia-ficción e seleccionado para a súa conservación no Rexistro Nacional de Películas dos Estados Unidos pola Biblioteca do Congreso en 2013.
A nova película estará escrita polo guionista de cómics Brian K. Vaughan e producida por Emma Watts.
Este é o primeiro remake que se fai na pantalla grande, aínda que seica James Cameron considerou a posibilidade de face-lo hai anos. Con todo, os dereitos foron unha lea durante moito tempo, até que a Warners e Watts conseguiron finalmente aclara-los.