Os científicos tomaban o café nunha pausa e non puideron detectar que a Terra collera o inicio da curva da elipse cun pouco máis de velocidade da habitual. O certo é que, como todos sabemos, o aleteo dunha bolboreta pode provocar tsunamis no outro lado do planeta. A rapidez inusual daquel día descolocouno todo. Os satélites axitáronse nas súas órbitas e deixaron de funcionar unhas horas.
Mais iso non foi todo. Como cando hai un eclipse durante o día e os paxaros compórtanse de xeito anormal, as cousas puxéronse raras e surreais. Criaturas que se supuñan desterradas da realidade apareceron ante o pasmo dos demais. É deste xeito que algúns vampiros, por exemplo, non so foron vistos a plena luz do día senon que levaban con eles toallas e gafas de sol mentres baixaban ás praias. Os veciños que aínda podían reaccionar non sabían se chamar a emerxencias ou pecharse nas súas casas cun rosario de allos pendurado do pescozo.
Por outra banda, as serpes xigantes da tradición pagá saíron das súas tobeiras e percorrían os camiños. Non eran perigosas, a xulgar polos avistamentos feitos por humanos, mais impresionar impresiona que vaias conducindo pola N-120 e unha culebra de máis de dez metros estea a interromper o tráfico. Algún comezaba a ciscarse nos santos ata que quedaba abraiado.
Tamén se vían bruxas montadas nas súas vasoiras cruzando o ceo, lobishomes conversando pracidamente nalgún recuncho das aldeas, trasnos abrindo contas nas oficinas bancarias ou mouras espectaculares bailando por aí. O mundo do revés.
Os humanos comezaron a dubidar da realidade que construíran con tanto traballo todo aquel tempo e algúns mesmo confraternizaron coas novas criaturas. Pero todo foi en van, pois en poucas horas o feitizo desfíxose e a aceleración do planeta corrixiuse de novo. Velocidade de cruceiro outra vez e todo á canle normal.
Eu esperteime da sesta e entereime de todo pola tele. Que sei eu, foi verdade ou unha paranoia?