A nova Barreira de Berger

38

Despois de abraiar ao mundo co filme bélico All Quiet on the Western Front en 2022, e aínda que o seu nome foi mencionado para vários proxectos de sona, entre eles novas películas das sagas de Bourne e de Bond, seica o cineasta austríaco Edward Berger seguirá un camiño de seu cunha nova película orixinal.

Agarda-se unha rifa de alto nivel na poxa polos dereitos de The Barrier, que é como se titulará o novo filme. Segundo se conta, é unha longametraxe de ciéncia-ficción con viaxes polo tempo, que estará protagonizada por Austin Butler (Feyd-Rautha Harkonnen en Dune) e que se describe coma unha mestura entre Interestelar e Top Gun.

A película basea-se nun relato curto de MacMillan Hedges, pero os detalles do argumento manteñen-se en segredo. Hedges estivo na “Black List” de Hollywood en dúas ocasións cos guións de Cosmic Sunday e The Searchers.

Berger dirixirá a partir dun guión que escribe o mesmo Hedges, e xuntos serán os produtores. Butler será o protagonista e mais o produtor executivo.