En marzo do ano pasado soubo-se que o cineasta Mike Flanagan (Doctor Sleep) propuxera aos xefes da DC James Gunn e Peter Safran unha longametraxe para a Warner Bros. Pictures sobre Clayface, o popular falcatruán de Batman.
Daquela dixera-se que se trataba de facer un proxecto independente de terror, un thriller con tinturas de traxédia, sen ofertas nin acordos, pero o estudo estaba aberto a ideas.
Agora algúns médios informan que o proxecto segue adiante, que Flanagan rematou de escribir o guión e que a rodaxe está prevista para a primavera próxima.
Con todo, Flanagan está comprometido coa dirección da súa nova entrega da saga de The Exorcist, polo que non dirixiría Clayface, só a escribe. Tampouco está claro se o persoaxe pasaría a formar parte do universo oficial da DC ou do universo paralelo de Matt Reeves.
En todo caso, hai un par de días o actor Alan Tudyk, encargado de lle por a voz a Clayface na série de debuxos animados Harley Quinn, confirmou que está a interpretar unha versión diferente do persoaxe na série Creature Commandos, que ten a posibilidade de dar o chimpo á acción real.
Clayface xa apareceu en séries de televisión de acción real coma Birds of Prey, Gotham e Pennyworth, pero os fans o recordan sobre todo pola interpretación de Ron Perlman nos anos 90 en Batman: The Animated Series.