A pedra chave do arco semella estar en equilibrio precario. Así estivo tamén a súa lingua durante varios anos ata que todo se veu abaixo, pensa Galegoman mentres observa dende o seu asento as ruínas que ten ao seu carón. As hedras gabean polos muros introducindo as súas raíces destrutoras e un dáse conta de que a natureza é á vez marabillosa e terrible. Dende o punto de vista humano, claro.
Galegoman está triste porque xa non ten con quen falar. Saíu da súa casa pola mañá e conduciu dende o seu pequeno apartamento na cidade ata o lugar onde agora se atopa. É o único sitio onde queda documentado que un día existiu un xeito diferente de ver o mundo. É unha mágoa que o símbolo da ausencia sexa un cartel azul e branco da Xunta onde se promociona o goberno e os cartos que se gastaron nunha obra que xamais se executou.
Un paxaro vén voando e pousa preto de Galegoman. Xa ninguén pronunciará a palabra desa ave cando me vaia, cisma mentres ouve un lixeiro rumor de rodas. Érguese abaneándose un pouco debido ó efecto de tanto alcol e achégase ás voces que agora se escoitan con facilidade. Un sorriso tolo decora o seu rostro. É o sorriso daquel que sabe que será a súa derradeira batalla.
Cando o grupo de turistas que veñen visitar os restos do mosteiro ven un home vestido de branco cun calzón azul, o primeiro que pensan é que é parte do decorado ou un animador do inmenso parque de atraccións no que Europa se converteu. Mais xa logo se dan conta de que o tipo está bébedo e pode ser perigoso.
Os turistas miran arredor nerviosos e localizan unha cámara apuntando cara a súa posición. So teñen que facer tempo ata que as autoridades aparezan. Pero Galegoman tamén o sabe e apunta co seu dedo á cámara. Logo leva un dedo ós beizos e pide silencio.
—Shhhhhh… Xa sei o que estades pensando! Xa logo veñen rescatarvos, non vos preocupedes. Polas caras que poñedes entendo que non entendedes un carallo do que vos estou a dicir. Seguramente pensedes cousas coma Who the fuck is Galegoman? Non tedes nin idea. Eu non saía nos vosos televisores, pero tamén tiña o meu nicho nun curruncho do universo. Que pasou? Déronme as costas! Pouco a pouco, coma o veleno actuando no sistema nervioso. A Xesús negárono tres veces, a min máis de cen! Moitas máis! Son un mártir, en realidade. Mártir do mercado, da pasividade, de toda esta merda. Son Galegoman!
A pesar dos seus poderes, Galegoman caeu uns segundos despois de pronunciar este discurso. Foi fulminado polos tásers de varios membros de seguridade que se lle achegaron polas costas. Mentres se retorcía no chan polas descargas, os de seguridade comentaban:
—What an asshole, dude!
— Galegoman! Galegoman!