Despois do anúncio no decurso da Geeked Week da Netflix en setembro, a empresa polaca CD Projekt Red ven de confirmar que está a traballar nunha nova série de debuxos animados de Cyberpunk.
O director financeiro da compañía, Piotr Nielubowicz, revelou as novas como parte do seu informe trimestral, engadindo que as vendas do xogo Cyberpunk 2077 xa superaron os 30 millóns de cópias, mentres que a expansión Phantom Liberty vendeu oito millóns mais de unidades adicionais.
Ao respecto das oportunidades cross-media para a marca, dixo: “Tamén estou moi contento de anunciar que estamos a traballar noutro proxecto de animación ambientado no universo Cyberpunk, que se estreará na Netflix“.
A serie seguirá a estela da aclamada Cyberpunk: Edgerunners, unha minisérie independente da ONA que se estreou en 2022 e que serviu coma precuela do xogo.
O que aínda non se confirmou é quen se encargará da animación da nova série, despois de que Cyberpunk: Edgerunners fora creada pola Studio Trigger, con sede en Tóquio.
Pola súa banda, Michał Nowakowski, o codirector executivo da CD Projekt, afirmou que a série de acción real Cyberpunk, anunciada hai un ano, “aínda se atopa na fase conceptual” do seu desenvolvemento.
O proxecto para acción real anunciou-se o ano pasado e está a se desenvolver xunto coa Anonymous Content. Seica contará unha história totalmente nova, aínda que tamén ambientada no mundo do xogo orixinal.