A Lucasfilm Games ven de revelar que o videoxogo para móbiles e Switch Star Wars: Hunters chegará á Steam Early Access en 2025. O proxecto é o primeiro xogo publicado pola Zynga que se lanzará para a plataforma PC.
Na Steam, o xogo será unha descarga gratuíta como parte do programa Early Access. Os xogadores tamén terán a oportunidade exclusiva de axudar a probar o programa cunha próxima Beta pechada.
O chimpo a PC pretende ofrecer texturas e sombras de maior resolución, mellor renderizado e mais detalle en determinados campos de batalla. Os xogadores tamén poderán utilizar o teclado, o rato e mais a conexión sen fíos durante o xogo.
O vicepresidente executivo de xogos da Zynga, Yaron Leyvand, afirmou nun comunicado:
“O éxito de Star Wars: Hunters en dispositivos móbiles e Nintendo Switch levou-nos a tomar a decisión de expandir o xogo para PC. Isto é algo que a nosa comunidade de fans estivo a pedir e estamos moi emocionados de dar a benvida a Vespaara a aínda mais xogadores. Este momento tamén marca un fito para a Zynga ao levar un dos nosos xogos a PC por primeira vez“.
A Zynga é unha empresa propriedade da Take-Two Interactive Software, e está adicada aos xogos móbiles. Entre os seus títulos de mais sona están FarmVille, Harry Potter: Puzzles & Spells, Words with Friends e CSR Racing.