Xa se rumoreara a comezos deste verán, pero o cineasta Doug Liman ven de confirma-lo agora, que volverá a formar equipa coa súa estrela de Edge of Tomorrow, Tom Cruise, para o thriller sobrenatural Deeper na Warner Bros. Pictures.
Na súa aparición nunha proxección do documental Gaucho Gaucho, Liman indicou que el e mais Cruise seguen adiante coa súa película de “medo“, e engadiu: “Nunca fixen unha, e Tom Cruise tampouco“.
O thriller foi escrito orixinalmente por Max Landis e leva unha década dando voltas por Hollywood na procura de alguén que queira produci-lo. No seu día, o director isandés Baltasar Kormakur estivo interesado.
A história vai sobre un ex astronauta caído en desgraza ao que se contrata para levar un vehículo mergullábel ao mais profundo do océano para explorar unha foxa recén descuberta. A medida que o vehículo se achega ao seu destino, producen-se sucesos sobrenaturais e o protagonista enfronta-se a unha forza sinistra e perigosa.
Cruise rematou hai pouco a rodaxe de Mission: Impossible – The Final Reckoning e actualmente está a facer a comédia Judy ás ordes de Alejandro González Iñárritu. Agarda-se que faga unha xira publicitaria para a última entrega de Mission: Impossible en abril ou maio e que logo rode o filme bélico Broadsword, de Chris McQuarrie, na segunda metade de 2025.
Cruise e Liman aínda teñen pendente de desenvolveren unha película sobre a NASA ambientada no espazo, pero non está claro até que punto avanzou este proxecto.