O regreso da Cousa

85

Aínda que se anunciara a comezos de ano, non se sabía a data concreta de lanzamento de The Thing: Remastered alén dun esperanzador “a finais de 2024”, pero o agardado momento chegou por sorpresa onte, cando a Nightdive Studios, propriedade da Atari, o deu a coñecer no decurso do PC Gaming Show: Most Wanted.

Esta actualización do aclamado videoxogo clásico de culto de 2002 chegará a finais deste ano e inclúe modelos de persoaxes mellorados, iluminación e efectos atmosféricos actualizados, animacións feitas a man e unha resolución aumentada até 4K/144fps.

O certo é que se supuña que The Thing ía ter unha secuela xa a comezos dos 2000, pero o proxecto cancelou-se cando a compañía Computer Artworks caeu na insolvéncia e pechou as portas en 2003.

O xogo é unha secuela directa da película de terror de 1982 de John Carpenter. Na tundra xeada da Antártida, un misterioso alien metamorfo asasinou a toda a equipa do centro de investigación 31 dos Estados Unidos.

Os xogadores encarnarán ao capitán das Forzas Especiais do exército americano J.F. Blake, que é enviado a rescatar á equipa do centro de investigación. Atrapado polos elementos e en risco de infección por unha entidade horríbel, Blake debe manter aos seus compañeiros unidos para sobreviviren gañando a súa confianza e asegurando-se de que o seu medo e paranóia non-os superen.

Os xogadores dirixen até catro persoaxes ao longo de once niveis. Realizado co motor KEX Engine, propiedade do desenvolvedor, o videoxogo inclúe asemade unha avanzada interfaz de “medo/confianza” na que a túa influenza no estado psicolóxico da túa equipa é determinante para ver se cooperan ou non contigo.

The Thing: Remastered está dispoñíbel para PC, PS5 e Xbox Series X|S.