O director español Juan Antonio Bayona, encumiado após de triunfar con O Orfanato, será finalmente o encargado de levar ao cinema Eclipse, a terceira parte da saga literária Crepúsculo (Twilight, no seu título orixinal), de Stephenie Meyer, que vendeu 40 millóns de exemplares en todo o mundo e foi traducida a 37 idiomas. Bayona figuraba nunha listaxe de candidatos que incluía a Paul Weitz, Drew Barrymore e James Mangold.
A elección de Bayona será todo un cámbio, e esperemos que a millor, após do paso dunha directora de cinema feito descaradamente para adolescentes, Catherine Hardwicke, na primeira entrega (Crepúsculo), e dun realizador de comédias de éxito, Chris Weitz, na segunda, (Lua nova).
O nomeamento de Bayona suporá que o filme Eclipse prosiga os idílios e triángulos amorosos dos libros anteriores. Esta terceira parte contén o mistério de vários asasinatos sen resolver, que os protagonistas, Bela e Edward, tentan resolver. E ademais inclúe batallas entre lobishomes e vampiros que poderían esixir a destreza dun perito no xénero de terror. Nos Estados Unidos non esquecen que o “padriño” de Bayona é Guillermo del Toro, o director de O labirinto de Pan e da vindeira O Hobbit. Mentres tanto, e polo de agora, Bayona prepara o thriller distópico Hater para a Universal.