Ainda non se estreou, pero a igrexa católica xa o ten claro e recomendou boicotar o filme Anxos e demos, o thriller dirixido por Ron Howard, baseado na novela homónima de Dan Brown, que inaugurará o 13 de maio o Festival de Cannes. Como aconteceu coa adaptación cinematográfica d’O código Da Vinci, a nova entrega, na que Tom Hanks volve encarnar ao estudoso Robert Langdon, non gostou ao Vaticano, que comezou negando o permiso para rodar dentro de duas igrexas romanas. “O filme segue unha liña que prexudica ao senso relixioso común“, dixo Marco Fibbi, voceiro da Vicaría de Roma.
A furibunda reacción dos católicos non surprendeu aos produtores. Ao contrário, case semella buscada como reclamo publicitário, a xulgar polas declaracións dun deles, John Calley: “Se o primeiro filme foi prudentemente anticatólico, a segunda entrega é algo menos reverencial e sabemos que a polémica está segurada“. Se cadra por iso, o arcebispo Velasio de Paolis, ministro vaticano de Economía, teme o efecto boomerang e recomenda non “dramatizar”, porque “involuntáriamente se lle regala publicidade“.
En Anxos e demos, o profesor Langdon descobre a existéncia dunha importante seita segreda – Os Illluminati – que durante séculos se opuxo frontalmente ao poder da Igrexa Romana. Xunto a unha científica (Ayelet Zurer), investigará o homicídio dun científico do CERN (o Centro Europeo Nuclear), onde se rodaron algunhas secuéncias.
O filme combina, segundo o seu director, “ciéncia e relixión, razón e mistério espiritual“, e asegura que, “ainda que o argumento é delicado, trata-se só de ficción“. Ainda que obviamente, para as persoas que acreditan en deuses, é difícil diferenciar entre realidade e ficción.