O novo Embaixador do Xapón

1316

DoraemonO novo Embaixador do Xapón podería ser alguén de quen se ten falado moito, ainda que el mesmo non teña orellas. O Ministro de Asuntos Exteriores anunciou o venres pasado que ía nomear a Doraemon, o popular persoaxe dos debuxos animados, como primeiro “Embaixador do anime” nun esforzo do Xapón por promover a súa indústria de animación.

Doraemon, ou máis ben unha persoa disfrazada do gato cósmico, recibirá o nomeamento oficial mañán mércores no decurso dunha cerimónia que presidirá o Ministro Masahiko Komura.

O persoaxe aparecerá dende agora en novos filmes de debuxos animados que tentarán amosar o estilo de vida e mais os costumes xaponeses.

Co nomeamento de Doraemon, agardamos que o público doutros países comprenda millor o anime xaponés e profundice o seu interese na nosa cultura“, dixo Yuko Hotta, un voceiro do Ministério de Asuntos Exteriores nipón.

Creado por un debuxante que utilizou o alcume de Fujiko F. Fujio, Doraemon é o persoaxe principal nunha série de debuxos animados moi populares en Xapón e en boa parte do mundo. O persoaxe é un gato do futuro do século XXII que viaxa até o presente para axudar a un rapaz e á súa panda de amigos da escola, grazas ao seu peto máxico de onde obtén toda caste de obxectos.

O governo xaponés leva un tempo tentando promocionar por todo o mundo o interese na animación do seu país, polos cómics e pola cociña, nun esforzo político que pretende poñer de moda a Xapón. O ano pasado, xa lanzaron o Prémio Manga Internacional para artistas estranxeiros, e o primeiro gañador fora o honconés Lee Chi Ching.