O Independent Film Channel vai-se asociar coa Lionsgate para realizar un telefilme baseado nos libros de Laurell Hamilton Anita Blake: Vampire Hunter. O proxecto será a primeira película que produce esta canle de televisión e podería ser a base dunha nova franquía se o primeiro filme ten éxito.
Nos libros, Blake é unha cazadora de vampiros cunha terríbel vida amorosa que tamén traballa como detective privada axudando á Policía cos crimes de fasquía sobrenatural. Os seus esforzos van dirixidos a reconciliarse coas súas habilidades e a navegar nas relacións románticas e políticas dentro da comunidade vampírica.
A série, composta polo de agora por 16 libros, inclúe elementos que xa son familiares aos espectadores das séries True Blood (os vampiros son parte da sociedade normal) e Buffy Cazavampiros (unha rapaza nova que loita contra as forzas sobrenaturais). O proxecto será adaptado por Glen Morgan (X-Files, Final Destination), quen tamén traballará como protudor executivo xunto a Courtney Solomon (Dungeons and Dragons). A canle IFC pretende que o filme estea dirixido a un público masculino de entre 18 e 34 anos e planea te-lo todo rematado para o ano que ven.
“A popularidade da canle neste área demográfica indica que hai unha clara demanda polos filmes que tratan temas provocativos, e nada é mais clásicamente provocativo có mundo dos vampiros“, dixo Jennifer Caserta, a Vicepresidenta executiva da IFC. “Anita Blake encaixa perfectamente dentro do nosa exitosa programación orixinal“.