Rorschach será Freddy Krueger

0
235

RorschachTodo semella indicar que a saga de Pesadelo en Elm Street ven de atopar un novo Freddy Krueger. E será Rorschach.

Jackie Earle Haley, o intérprete de Rorschach no filme Watchmen, está en conversas para se converter na nova icona que asustará aos espectadores e mais aos adolescentes que unha vez mais protagonizarán esta famosa franquía, tomando o relevo ao persoaxe que fixera seu Robert Englund. Así, Haley está xa nos pasos finais dunha negociación que só pode rematar coa sua sinatura para protagonizar o remake, e esta sinatura podería facer-se efectiva a semana que ven.

Para lle dar algo mais de creto aos rumores, que circulan pola Rede dende hai xa tempo, dous informes de duas fontes distintas afirman que isto é mais certo do que adoitan ser estes bule-bules.

Ainda que o Robert Englund orixinal é imposíbel de reemprazar, a elección de Haley semella un acerto. Mesmo os fans que non gostaron da adaptación do cómic Watchmen á pantalla grande terán que admitir que o actor que deu vida a Rorschach será un perfecto sustituto do psicópata que se agocha tras da máscara co rostro deturpado de Freddy. Jackie xa ten algunha experiéncia nisto de asustar aos nenos e de amolar os soños dos adolescentes (así, en Little Children, un filme de 2006).

Por outra banda, tamén circulan fortes rumores de que o protagonista de Haunting in Connecticut Kyle Gallner está en conversas para facer de Glen Lantz, o papel que fora interpretado orixinalmente por Johnny Depp.