A MGM ven de anunciar que vai desenvolver unha nova série de filmes baseados nas franquías de Robocop e Máis alá do Límite. O anúncio fíxo-se nunha rolda de prensa na que se salientou o nomeamento de Mary Parent coma presidenta da sección internacional do estudos, un novo cargo.
“A MGM está a planear un outono e un inverno cunha axenda emocionante“, dixeron á prensa o pasado día 13. “En colaboración coa Sony Pictures Entertainment, a MGM traerá novas entregas de dúas das súas principais franquías, a nova de James Bond con Quantum of Solace e outra da Pantera Rosa con Steve Martin. A MGM tamén lanzará o thriller Valkyrie, en colaboración coa United Artists, protagonizado por Tom Cruise, o vindeiro 3 de outubro. Co nomeamento de Parent, a MGM entrará nunha nova fase da evolución enfocándo-se en grandes producións coma as de James Bond, a Pantera Rosa, O Hobbit, O caso de Thomas Crown 2, Máis Alá do Límite, Robocop, O Vingador Anónimo e Fama, entre outras“.
O anúncio non puxo ningunha data nin ofreceu máis detalles sobre estes lanzamentos previstos.
Parent, a ex-vicepresidenta de produción internacional da Universal Pictures, supervisará o desenvolvemento de filmes de xénero fantástico coma Serenity.