A continuación da novela do escritor Dan Brown O Código da Vinci, que foi un éxito mundial, aparecerá nos Estados Unidos, Inglaterra e Canadá o vindeiro 15 de setembro e levará por título The Lost Symbol, editada pola Random House.
O Código da Vinci vendeu mais de 70 millóns de cópias dende que apareceu en 2003 e chegou ao número un das mais vendidas en todo o mundo, erguendo as iras do Vaticano e dos católicos por mor do seu argumento, baseado en conspiracións nas que está implicada a igrexa católica.
A primeira tirada de The Lost Symbol (O símbolo perdido), que de novo misturará a ficción coa realidade e contará como protagonista co simbiólogo de Harvard Robert Langdon, contará con cinco millóns de exemplares, a mais grande da história da editorial Random House.
“Esta novela foi unha viaxe estraña e marabillosa“, dixo Brown nunha nota de prensa. “Ficar durante cinco anos investigando e traballando doce horas ao día foi un desafío esgotador. A vida de Robert Langdon móve-se moito mais rápido cá miña, claramente“.
Ainda non se deron a coñecer mais detalles sobre o argumento do novo libro, que será publicado nos Estados unidos e en Canadá pola editorial Doubleday e en Inglaterra pola Transworld Publishers, todas elas filiais da Random House, que é súa vez pertence á Bertelsmann AG.
Tom Hanks interpretou a Langdon no filme de 2006 que adaptou O Código da Vinci, un filme que recadou mais de 750 millóns de dólares en todo o mundo. A adaptación da anterior novela de Brown, Anxos e Demos, de novo protagonizada por Hanks no papel de Langdon, será estreada en maio.