Jack Bauer e House na Marca Amarela

1126

A marca amarelaCoa fichaxe de Kiefer Sutherland (Jack Bauer en 24), o realizador Álex de la Iglesia cumprirá o seu desexo – como asi o manifestara nunha recente entrevista – de contar coa estrela da série 24 e tamén con Hugh Laurie, o televisivo Doutor House, para protagonizar a adaptación do cómic A marca amarela.

A incorporación de Sutherland ao proxecto foi confirmada polo mesmo director bilbaíno no decurso do Festival de Málaga, onde exerceu de presidente do Xurado.

A marca amarela é un dos cómics pertencentes á saga das aventuras de Blake e Mortimer, que xurdiron da imaxinación de Edgard P. Jacobs nos anos 40. Sutherland encarnaría ao axente dos servizos secretos Blake, mentres que Laurie seria o físico nuclear Mortimer.

A intención de Álex de la Iglesia é comezar a rodar durante o primeiro semestre de 2010. Entre outros nomes que tanteara se atopaba o de Kenneth Brannagh; o reparto poderia incluir ademais a John Hurt e Mark Strong.

Producida pola compañía francesa La Fabrique de Films (unha das coproductoras d’Os crimes de Oxford), o orzamento poderia ascender a uns 26 millóns de euros.

Este será o terceiro traballo internacional de Álex de la Iglesia, un grande apaixoado dos cómics, despois de Perdita Durango e Os crimes de Oxford. O guión escribirá-o conxuntamente co seu habitual parceiro Jorge Guerricaechevarría, con vistas a comezar a sua rodaxe, conxuntamente en inglés e español, durante o primeiro trimestre de 2010.

A marca amarela foi publicada en 1953 e é obra do debuxante belga Edgar Pierre Jacobs, quen colaborou co seu amigo Hergé para algunhas das aventuras gráficas do célebre Tintín. Narra as investigacons do capitán Francis Blake e mais o profesor Philip Mortimer que, neste caso, deberán enfrentar-se ao misterioso vilán coñecido como A marca amarela. Edgar P. Jacobs seguiu publicando a série até o 1970 e após da sua morte, en 1987, outros autores continuaron a obra cos dous personaxes protagonistas.