Robert Rodriguez dirixirá Depredador

865

Robert RodriguezO director americano Robert Rodriguez ven de anunciar que planea realizar unha nova versión do clásico de acción e ciéncia-ficción dos oitenta Depredador, que foi protagonizado por Arnold Schwarzenegger e dirixido por John McTiernan en 1987, e no que un grupo de mercenários debían enfrontar-se a un feroz alieníxena en plea selva centroamericana.

Así o asegurou o mesmo Rodriguez nunha rolda de prensa celebrada en Texas na que falou dos seus vindeiros proxectos a través de Troublemaker Studios, a própria produtora do director. O autor de títulos coma Sin City, Spy Kids ou O mariachi que acostuma tamén a participar como produtor, guionista, na dirección de fotografia, banda sonora e montaxe final dos seus filmes, declarou que a sua intención é retomar a idea e o personaxe principal para desenvolver a partir diso un argumento de seu.

O título do filme seria Predators, e a sua orixe podería estar nun guión que chegou a escribir el mesmo para un posíbel Depredador 3 que nunca chegou a se materializar.

Nombergantes, trata-se dun proxecto que ainda deberá agardar, porque antes ten previsto rodar Machete, en torno a un asasino mexicano, partindo doutra ideia de seu que puido ver-se en forma de falso tráiler na sesión dobre Grindhouse, composta por Planet Terror e Death Proof – o segundo dirixido polo seu amigo Quentin Tarantino.

E ainda que fai meses se falou que Rodriguez tamén queria realizar un remake de Barbarella, unha psicodélica fantasia erótico-espacial que protagonizou Jane Fonda nos sesenta da man do seu daquela home Roger Vadim, éste ainda non figura entre os proxectos imediatos anunciados polo director.

Rodriguez revelou que tamén está a preparar un filme de ciéncia-ficción titulado Nerverackers, ademais de Sin City 2 e The Jetsons, baseada na famosa série de debuxos animados coñecida en Galiza como Os Supersónicos.

Pese a ter inspirado multitude de cómics e videoxogos, até o momento, os intentos de revitalizar a saga de Depredador non coñeceron demasiada fortuna. Unha secuela realizada en 1990 con Danny Glover de protagonista fracasou no despacho de billetes. Asimesmo, as duas entregas cinematográficas de Alien vs Predator tampouco gozaron do excesivo favor tanto de público como de crítica.

E entre as ideais mais extravagantes, en febreiro pasado anunciou-se Pride and Predator, producida polo cantante e compositor Elton John e que cruzaria aos personaxes do século XVIII de Orgullo e prexuízo, da escritora Jane Austen, co singular cazador de humanos extra-terrestre.