Chega a segunda parte do Brindo de Ouro

0
263

O Brindo de OuroXesús Manuel Marcos, autor de O Brindo de Ouro, ven de entregar ao prelo a segunda parte desta triloxía, cuxo título vai ser O Brindo de Ouro: A Táboa da Hospitalidade. Segundo nos informa o seu autor, na editorial Edicións Xerais de Galicia xa están a traballar na publicación do libro.

Na primeira entrega, a única aparecida até o momento, Selmo, o fillo do gardián da tribo dos arxinas, coñece o destrozo de Cido, a sua aldea, que foi incendidada polos seus inimigos, os valecos da tribo dos broncedos. Na sua fuxida, Selmo, acompañado de Lombán, o seu lobo albino, atopa a dous heroes, Toimil e Oulego, que o axudarán, xunto coa Valiña da Osa, unha xida, meiga protectora da aldea, a desvelar o mistério do Brindo de ouro, un corno máxico que os protexe, porque lles proporciona a valentía que os fará invulnerábeis.

A Chamada do Brindo foi prémio Merlín de literatura infantil e xuvenil en 2004 e é unha novela de aventuras, épica e fantástica, que remite a un pasado mítico, onde o heroísmo e a máxia ocupan un lugar singular. Tráta-se dun texto que crea un mundo tolkeniano e conforma unha novela escrita coas pautas das obras de espada e bruxería sobre o trasfondo da paisaxe e da toponimia das terras do Caurel.

O libro xa apareceu traducido ao español pola editorial Anaya en 2008.