A editorial de Tintín, ao borde do divórcio

0
166

TintinO mercado do cómic non gaña para sustos e surpresas. Se fai uns meses o anúncio da volta de Astérix á editorial que o viu nacer, Dargaud, desataba un culebrón familiar de consecuéncias imprevisíbeis entre Albert Uderzo e a sua filla (con tribunais de por meio), agora a bomba informativa ven doutra das grandes iconas do cómic francobelga, Tintín, que  tomaria o camiño contrário: segundo todos os indícios, o rei mundial do cómic abandoaria á Casterman, a editorial que o acolle dende hai décadas.

Oitenta anos despois da sua primeira aparición, o xoven reporteiro de Le Petit Vingtième creado por George Remi, alias Hergé, pode converter-se no protagonista dunha aventura moito mais complexa e controvertida que as que acostuma correr nas viñetas.

A caixa dos tronos abriu-se por unhas declaracións que Nick Rodwell, director de Moulinsart – a sociedade xestora dos dereitos mundiais de Hergé – fixo á revista belga de información económica Trends-Tendances. O actual home de Fanny Vlaminck, segunda esposa de Hergé e herdeira após a sua morte, afirmou que as relacións entre Casterman, a editorial que leva mais de sete décadas publicando o personaxe, e a sociedade que el dirixe están “ao borde do divórcio“: “É imposíbel traballar hoxe con Casterman, é como se duas persoas están casadas e a parella non funciona, pero ningunha quere deixar o fogar conxugal. Entre Casterman e Moulinsart é o mesmo: o matrimónio non funciona“, afirma Rodwell.

Unhas declaracións tan inesperadas como explosivas que pillaron a contrapé á editorial Casterman, unha das mais importantes do mercado europeo do cómic e responsábel da edición dos álbumes do personaxe dende que deixase as páxinas do semanário infantil e xuvenil Le Petit Vingtième en 1934.

Os vintecatro álbumes de Tintín creados por Hergé até o seu falecemento en 1983 foron editados e reeditados até a saciedade pola bicentenária editorial francesa, en todos os formatos e versións posíbeis, cun contínuo éxito de vendas que permitiu consolidar unha posición preferente da editorial no mercado grazas a esta série universal, que subpón mais do 20% dos seus ingresos. Pero o negócio ao redor do reporteiro de pantalóns bombachos non se limita aos case dous millóns de exemplares que se venden do personaxe cada ano. A esaxerada produción de mercadotécnia de todo tipo eleva a cifra de negócio vencellada á explotación dos dereitos de Tintín a mais de 16 millóns de euros anuais. Séries de televisión, figuras, láminas ou xoguetes son  controlados pola sociedade Moulinsart, acusada por moitos afeizoados de afogar ao personaxe na sua rigorosa inspección e verificación de cada unha das suas aparicións, xa se trate dunha pequena imaxe nunha Web de fans de Tintín ou dun estudo cobizoso sobre Tintín; por exemplo, o asinado polo escritor español Antonio Altarriba, O loto rosa, que non poderá ser reeditado ante as presións da sociedade.

As espectaculares cifras do volume de negócio que actualmente manexa a Moulinsart poden resultar ridículas a partir de 2011 coa estrea d’O segredo do unicórnio, primeiro dos tres filmes que dirixirán Steven Spielberg e Peter Jackson sobre as aventuras do famoso personaxe. Cun orzamento de 30 millóns de dolares, os dous directores queren conseguir que a creación de Hergé sexa aceptada por fin polos espectadores dos Estados Unidos, un dos poucos paises que deron as costas tradiciónalmente a Tintín e mais ao cómic europeo en xeral. Un éxito no despacho de billetes destes filmes lanzaria as xa imponentes vendas da série a números que romperian todos os récords para un cómic.

Este é un suxerente futuro que a sociedade Moulinsart semella querer governar en primeira persoa. Pero primeiro terá que sortear a batalla legal entre os herdeiros de Hergé e mais a editorial Casterman, que de momento nega a existéncia de problemas pero que se amosa taxativa á hora de afirmar: “A Casterman non está en venda“.