Videoxogo de Canzón de Xeo e Lume

0
208

canzonxelolumeA aclamada saga de novelas de fantasia e aventuras Canzón de Xeo e Lume chegará ás consolas e ao computador en forma de videoxogo, segundo ven de confirmar a compañía francesa Cyanide, posuidora dos dereitos.

A produtora francesa fixo público o seu acordo co escritor George R.R. Martin para trasladar toda a máxia dos seus libros ao lecer interactivo. Ainda que non deron moitos detalles, xa explicaron que comezaron a traballar nun xogo para PC e as consolas de nova xeración.

É previsibel que o título estea baseado en Xogo de Tronos, o primeiro dos sete libros que conforman a história, dos cales só se publicaron catro até o momento. Canzón de Xeo e Lume é unha saga de fantasia épica que narra tres histórias interconectadas: a batalla entre múltiples famílias por controlar un continente, a misteriosa ameaza dos Outros no norde e a viaxe dunha princesa exilada.

Segundo Cyanide, este material dá pé para abranguer moitos xéneros, pero prefiren non dicir ainda cal deles escollerán. “Somos seguidores de Canzón de Xeo e Lume, polo que é para nós unha verdadeira honra producir videoxogos inspirados nesta obra de arte. A estrutura do guión permitirá-nos contentar tanto aos fans da licenza como a posíbeis novos seguidores“, dixo Patrick Pligersdorffer, de Cyanide.

Este videoxogo ampliará unha história que xa adiantou o papel: a HBO está a crear unha série de televisión baseada nos libros, e por riba xa existen xogos de cartas e de rol sobre Canzón de Xelo e Lume.