Cháma-se Demolition Man e tivo o seu intre de glória nos anos 80. Agora goza dunha nova oportunidade grazas ao debuxo dun galego: Xurxo García Penalta. O persoaxe da Marvel Comics é un atleta creado por Mike Carlin e Ron Wilson que conseguía a súa forza sobrehumana ao se administrar unha droga da que rematou por depender. “Esa é a tendéncia hoxe en día nos cómics, reinventar vellos heroes que caeron no esquecemento. De feito, estou a traballar noutra recuperación dun persoaxe dos anos noventa“, asegura Penalta, que se ocupou dos pincéis na reinvención deste superhome.
O cómic ven de sair á venda nos Estados Unidos nas páxinas da Assistant Sized Marvel Spectacular, unha série limitada de dous tomos na que os editores axudantes da Marvel dan renda solta á sua imaxinación e lanzan propostas que non serían admitidas nas coleccións habituais. Entre as histórias que compoñen este cómic está Slum City Warriors, debuxada por Penalta: “Foi ideia do editor Alejandro Arbona, ao que coñecín no pasado Salón do Cómic de Barcelona. Gustou-lle o meu traballo e rematou por me ofrecer recuperar a D-Man“, relembra o artista. Nesta historia amósa-se a un heroe vido a menos que ten a súa oportunidade de redenzón como soldado na guerra de Irak.
O cómic tivo boa aceptación en América: “É un bó intre para os superheroes, que recobraron popularidade grazas ás películas“, dixo Penalta.
Este é o primeiro traballo americano do debuxante galego, aindaque ten pendente de publicar outro cómic, Fear Agent, para a editorial Dark Horse. Mentras, continúa a traballar na série Ryokan, que se publica na revista galega Barsowia, e cuxo último número se presentará mañán antes de ir ao Salón de Barcelona.