Alien terá unha precuela

867

AlienO pasado luns cumpríron-se 30 anos da estrea de Alien, de Ridley Scott, e onte o seu irmán, o tamén director Tony Scott, revelou que os estudios 20th Century Fox xa traballan nunha precuela deste clásico da ciéncia-ficción.

Os rumores desatados hai uns días por vários sítios da rede, onde se informaba da decisión do estudo e de que o filme sería dirixido polo descoñecido Carl Rinsch, foron confirmados onte por Scott durante a presentación perante a prensa do seu último traballo, The Taking of Pelham 123.

A experiéncia de Rinsch, que non debutou no mundo da longametraxe, limíta-se á gravación de anúncios e vídeos musicais.

Si, Carl Rinsch vai-se encargar de dirixir a precuela de Alien. É ún dos directores dentro da nosa compañía“, afirmou aos xornalistas Tony Scott, en alusión á compañía Scott Free Productions, financiada pola Fox.

Estou entusiasmado porque Ridley creou o orixinal e Carl Rinsch forma parte da família“, comentou Scott, director de fitas coma Top Gun ou Spy Game, quen apuntou que a produción do filme podería escomezar a finais de ano.

Descoñéce-se polo de agora se Sigourney Weaver, a protagonista da película orixinal de Ridley Scott, participará dalgún xeito na precula dunha saga que a lanzou á fama en 1979, ainda que obviamente a súa interpretación no papel orixinal semella pouco lóxico se a intención dos estudos é botar a visata ao pasado e indagar nas oríxenes do alieníxena.

Hai uns meses, a actriz manifestara os seus desexos de volver a dar vida á tenente Ripley, unha das grandes heroínas do cine: “Sinto que a saga ainda non rematou para min“, dixo. “Ripley está viva e a salvo, espero que non remate perdida no espazo para sempre“.